domingo, 21 de maio de 2017

As bicicletas e a educación

Cando era rapaz andaba moito en bicicleta, coma todo-los rapaces da miña xeración. Era tanto unha diversión coma un medio de transporte que usabamos pra ir a todas partes. Non había tanto tráfico como agora e tampouco había carrís-bici, así que circulabamos polas estradas. Se escoitábamos o ruido dun motor detrás de nós poñíamonos de un en un o mais arrimados que podíamos o borde dereito, e cando era seguro o adiantamento facíamoslle un sinal ó condutor. Claro que tamén facíamos parvadas, todo-los rapaces as fan e non ía ser eu a excepción. Os bos dous batacazos que me din dan fe de que non o fun. Pero unha cousa son as tolerías de rapaces e outra a mala educación. Mala educación vial e mala educación a secas.

Hai pouco tempo ía de pasaxeiro nun coche cando nos atopamos diante un pelotón de ciclistas. E digo pelotón porque non ían en fila de a un nin de a dous, como dí o código, ían en pelotón ocupando a totalidade do carril. Fumos un bó rato detrás deles sin que se molestaran o máis mínimo en facilitarnos o paso, ata chegar a un tramo onde era seguro adiantar. A persoa que conducía puxo o intermitente e comenzóu a manobra deixando espacio más que dabondo, cando un dos ciclistas xiróu de súpeto á esquerda para falar con outro, invandindo o carril esquerdo sen mirar nin facer sinal ningún, e meténdose diante mesmo do coche. Por sorte non pasou nada, pero podería ter pasado. 

Aquí é onde algúns me dirán que non todo-los ciclistas se comportan así, que isto é unha excepción. E certamente non todo-los ciclistas son así, pero está lonxe de ser unha excepción. Non é a primeira vez que me ocorre un incedente semellante e seguro que a vós tampouco. Todos temos visto ciclistas saltarse semáforos e sinais, circular polo mesmo centro da estrada ou por onde o teñen prohibido. Logo, cando hai un accidente, sempre hai toda unha campaña pra lembrarlles ós condutores que deben respetar ós ciclistas e deixarlles un metro e medio de distancia. Raras veces, por non dicir case nunca, se lles lembra ós ciclistas que eles tamén teñen obrigas e deben respetar ós demáis.

Semella que montar nunha bici outorga automáticamente ó ciclista patente de corso pra facer o que lle pete. Non só non respetan ós condutores de vehículos a motor, tampouco ós peóns, e circulan coas bicicletas polas beirarrúas, polas rúas peonís e por onde lles ven en gaña sen deixarlles os peóns ese metro e medio que queren para sí. Lembrarlles que iso está prohibido é perder o tempo, sempre atopan unha excusa que non só lles exime de cumprir á lei, senón que lles da dereito a insultarte. E non o digo por dicir. Non hai moito, nunha conversa nunha rede social, lembréille educadamente a un ciclista que defendía o seu suposto dereito a circular por rúas peonís que a lei o prohibe. Chamoume iñorante e soberbio e recomendóume ler máis. Seica tampouco foi moi educado pola miña banda contestarlle que o que tiña que ler máis era él, e concretamente o código de circulación.

venres, 10 de marzo de 2017

Nin sequera eran feministas

Hai poucos días lin no xornal dixital eldiario.es un artigo da columnista que publica baixo o seudónimo Barbijaputa titulado La lente rota del El Objetivo. Recoméndovos que o leades antes de seguir co meu, porque vou sacar algunhas frases do seu contexto. O motivo dese artigo era unha emisión do programa de televisión El Objetivo no que se falóu de feminismo, e que a autora do artigo critica con bastante dureza porque, cito, "la mitad de las invitadas a debatir no eran siquiera feministas". Alega a autora na súa crítica que ela espera que "quienes asisten a un programa sobre un tema sean expertas en dicho tema". Di tamén que ela entende que o programa "pretendía ser pedagógico" e que "pierde la esperanza de ver un programa sobre feminismo con el que aprender e inspirarse".

Vou pasar por alto o que é pegagoxía e se o programa en cuestión era ou pretendía ser pedagóxico. Eu non o vín, así que non o sei, pero polo propio artigo entendo que era un debate; de feito, a mesma autora fala de "las invitadas a debatir". E digo eu que para que haxa debate ten que haber diferentes opinións, do contrario será una serie de discursos, ou de entrevistas, unha clase maxistral, calquera cousa menos un debate. E dado que se di que a metade das invitadas non eras feministas, debo supoñer que a outra metade sí o eran. Xusto o que se espera nun debate. Pero non é por isto polo que eu mesmo estou a escribir, é por outra cousa.

Xa hai tempo que veño oíndo e lendo que os homes non podemos falar de feminismo porque non sabemos o que é ser discriminados polo noso sexo, así que só podemos escoitar, calar e aprender. Idesme perdoar, ou non, amigas feministas, pero iso paréceme unha parvada. E tanto como dicir que só os estranxeiros poden falar de xenofobia, so as minorías étnicas de racismo, só os vellos da vellez, só os deportistas de deporte. E como dicir, por exemplo, que non podo criticar as políticas do Estado de Israel porque non son xudeu. Unha parvada. Que non sexa muller non significa que non sexa conscente da discriminación ou que non poda entendelo, é cuestión de ter un pouquiño de cerebro, un pouquiño de cultura e un pouquiño de empatía. Por suposto que o meu punto de vista estará sesgado por ser home, igual que o punto de vista dunha muller está sesgado por ser muller. Todos os puntos de vista están sesgados, por iso se chaman así.

Todo isto, digo, xa o teño escoitado e lido moitas veces e se non fose máis tampouco desta me tería sentado a escribir. Pero é que desta vez a señora Barbijaputa vai un paso máis alá. Xa non é que non podamos falar os homes, é que tampouco poden falar as mulleres que non son feministas. Escribe desta ou daquela muller que di que é feminista pero non o é, por tanto tamén ela debe calar, escoitar e aprender. Seica tampouco ela sabe o que é ser muller. Pero vai aínda máis lonxe: cando dí que deben calar o dí en serio, non tiñan que ser invitadas ó programa, hainas que silenciar, privalas do acceso ós medios de comunicación, non sexa que fagan que alguén dubide da verdade verdadeira. Nas súas palabras: "no se puede dar cabida a personas que lo ataquen".

Para apoiar esta opinión alega, e volvo citar, que "el feminismo no es una opinión que puede ser correcta o incorrecta, no es opinable, es un hecho: una lucha por el empoderamiento de las mujeres".  E ata ahí estóu de acordo, o feminismo, ou máis ben a igualdade, non é unha opinión, é unha meta. Pero os medios para acadala sí que son opinables. Do mesmo xeito que a xustiza social tampouco é opinable, pero cando non se poden cuestionar nin debater os medios, o resultado adoita ser a ditadura estalinista, ou maoísta, ou calquera outro -ista que queirades poñer. A serñora Barbijaputa semella non distinguir entre atacar o feminismo e cuestionar as propostas dun sector do feminismo, o seu sector. Toda persoa que non estea de acordo coas súas propostas, co seu punto de vista, sexa home ou muller, é que non é feminista e haina se facer calar.

Ten razón a autora do artigo cando dí que o progreso da muller se debe ó feminismo. Tamén houbo que loitar pola liberdade de expresión que ó parecer valora tan pouco. De onde non vai vir nunca o progreso, nin das mulleres nin de ninguén, é da intransixencia, do pensamento único nin da censura. O progreso veu e virá sempre, ou iso penso eu, do pensamento libre, do diálogo e da razón. 

Así que, señora Barbijaputa, dubido moito que vaia vostede a ler esta miña humilde bitácora, pero si por algúnha rara casualidade fora así, teño unha mensaxe para vostede. Eu son un home libre e falo do que me peta, con razón ou sen ela. Eu penso que teño a razón, e se vostede pensa que estóu errado pode facer dúas cousas: convencerme ou calar vostede.

domingo, 5 de marzo de 2017

Merda de can

O outro día, camiñando pola beirarrúa, piséi unha merda de can. A poucos metros había un campiño e fun alí a tentar limpar un pouco o zapato na herba; no campiño había, ven visible, un cartel prohibindo levar alí os cans e, ó mesmo pé do cartel, merda de can. Hai un tempo piséi unha merda nada máis sair da casa porque alguén deixóu ó animal cagar diante mesmo do portal. Mesmo teño visto merda de can nos parques de xogos infantís.

A mín paréceme moi ben que a xente queira ter un can, aínda que un piso na cidade non semella o mellor sitio para un animal, pero eu non debera ter que andar sempre mirando ó chan só por que ti queiras ter unha mascota. Lévao ós lugares autorizados, ou ben ó campo, ou senon recolle os excrementos, ponlle un cueiro ou déixao cagar no salón da túa casa, pero non deixes a merda diante da miña porta. Eu non vou deixar merda diante da túa.

Amólame ademáis que logo che saian conque os cans teñen dereitos, e se te queixas é que non te gustan os animais, e se non te gustan os animais tampuco queres ás persoas e blablablablabla. Pois non señores, eu non teño nada contra os cans, gústanme, os que non me gustan son os donos. Ou polo menos eses donos que pensan que o seu can ten máis dereitos que as persoas, e que poden encher de merda a cidade e os demáis temos que aturalo porque seica importamos menos que o animal.

Así que, amigos donos de cans, se me queixo de ter que andar a mirar ó chan para non pisa-la merda das vosas mascotas podedes pensar que son unha mala persoa. Eu penso que quen deixa ó can cagar onde xogan os nenos é un fillo de puta.

mércores, 22 de febreiro de 2017

O cristal con que miramos

As veces un cadro ou unha fotografía pódenos facer reflexionar sobre algunha cousa, ou acabar dando forma a unha desas vagas ideas que todos temos na cabeza e nunca pasan de ser coma unha especie de ruido de fondo da nosa mente. En realidade pode pasar con calquera imaxe, mesmo cunha foto que ti mesmo fixeche sen a menor intención de que expresara nada. Iso foi o que me pasóu onte. Merquéi unha cámara nova e dende hai uns días ando a focellar nela para explora-las súas posiblidades e aprender a manexala, e de súpeto ocorréuseme unha parvada: puxen un libro enriba da mesa, montéi a cámara nun trípode e fixen unha foto coa cámara vella. Non sei nin por qué o fixen, só andaba a xogar. Pero logo a foto déume qué pensar.

Na foto non se pode ver o libro, nin sequera a súa imaxe, o que vemos non é máis que a imaxe da imaxe do libro. En realidade, para saber o que estades vendo tédevos que fiar de mín. O libro podería non estar sequera alí, podería ter tomado a foto antes e non haber nada máis que a parede diante da cámara, ou ser só a sobrecuberta do libro, sen nada dentro. E aínda que non me teñades por un mentirán o certo é que seguiredes sen ve-la realidade: a cor da cuberta do libro é máis oscura, o que semellan dúas liñas negras é en realidade un só trazo, e o que semella unha mancha branca non é máis que un reflexo.

Pois ben, xa sei que non é un pensamento orixinal, pero ocorréuseme que así é como vemos unha boa parte do mundo. Vivimos na época da imaxe e a inmediatez, e chégannos a cotío moreas de información a través da televisión, o móbil ou a internet. Non sempre filtramos toda esa información, nin diferenciamos a relevante, nin nos preguntamos quén a publicóu e porqué, nin a contrastamos con outras fontes. As redes sociais son estupendas, pero tamén están cheas de bulos que difundimos sen ningunha comprobación só porque concordan coas nosas ideas ou prexuicios. Hai xente que pensa que certas canles da televisión e certos medios impresos din "verdades coma puños", cando son verdadeiros amplificadores de propaganda. Por certo que espero e intento non ser un deles, pero por si acaso tentaréi non cuspir alto de máis.

Non é nada novo, a propaganda e os rumores existen dende sempre; a diferenza é que hoxe os rumores son dixitais e se espallan polo mundo enteiro a velocidade vertixinosa. E tamén, penso eu, que antes, se alguén nos contaba algo que semellaba estrano ou esaxerado non lle dábamos moito creto, sobre todo se sabiamos que a persoa que o contaba tiña sona de "cotilla". E a miúdo, ainda que non fora máis que por non parecer cotillas nós mesmos, pensabamolo dúas veces antes de repetirllo a outro. Agora o que nos chega polas redes, ou pola nosa canle favorita da tele ou o noso periódico habitual, acetámolo sen máis. E só nos compre un "clic" para repetilo non a unha, senon a moitas persoas á vez. ¿Quén que teña conta nunha rede social non viu, por exemplo, aquilo de que este mes ten cinco venres, cinco sábados e tal e cal, e que iso só ocorre cada non sei cántos centos de anos? Falso. ¿Ou aquilo dos catrocentos mil políticos? Falso. E tantas cousas máis, unhas inocentes e outras non tanto.

Tampouco é que toda a información que nos chega sexa falsa ou estea manipulada. Pero igual que a foto da imaxe do libro, o que nos chega ven escollido e filtrado polas ideas, a maneira de pensar e as as áreas de interese de quen publica a información, aínda que fora coa mellor das intencións. Igual que eu escrebo nesta bitácora das cousas que quero e me interesan, e dende o meu persoal punto de vista e a miña experiencia vital. E logo hai outra escolma, a do que deciden compartir ou non as persoas que coñecemos.

Seica debiamos ser un pouquiño máis coidadosos co que espallamos e un chisco máis conscentes de que non sempre estamos a percibir a realidade, senón que a miúdo é a imaxe dunha imaxe da realidade.

En fin, ahí o deixo. Ata aquí a miña pequena reflexión que, como vedes, non é nin orixinal ni moi profunda. En realidade, só é unha excusa para compartir a foto con vós sen que parecera só a parvada que é. A mín gústame.

venres, 17 de febreiro de 2017

Homes de ferro en barcos de madeira

Hai un tempo contáronme unha curiosa anécdota de mariños que hoxe os vou contar a vos sin entrar en moitos detalles. Como pode que saibades, entre os distintos tipos de buques con que conta calquera mariña de guerra están os dragaminas. Pola función que cumpren, estes barcos constrúense en materiais non magnéticos; hoxe en día teño entendido que se fan de fibra, noutro tempo de madeira. A Armada Española tivo entre os seus barcos unha serie destes dragaminas con casco de madeira entregados nos anos cicuenta, entre eles o Turia, o Ulla, o Nalón e outros dos que non lembro os nomes.

Nos anos sesenta, uns periodistas pediron e obtiveron permiso para embarcar nestes buques durante unhas manobras, coa intención de escribir una reportaxe sobre os barcos e as súas tripulacións. Por desgraza para eles durante as manobras houbo mal tempo e pasaron a navegación mareados e a vomitar. Según me contaron, ó desembarcar un dos tripulantes díxolles por facerlles unha broma: "viñestes para escribir e non escribestes nada", ó que os periodistas respostaron "non te preocupes, que xa exribiremos". O día seguinte aparecéu a reportaxe na prensa co titular Homes de ferro en barcos de madeira.

Ata aquí a anécdota como ma contaron a mín. Non sei ata qué punto é exacta, aínda que non teño razón algunha para dubidar de quen ma contóu. Sentín curiosidade e púxenme busca-la reportaxe en Internet, ata atopar unha, supoño que a mesma, que se publicóu en 1965 na revista "Blanco y negro", suplemento dominical do diario ABC, que confirma a anécdota se ben non en todos os detalles. Por iso os omito.

O titular da reportaxe non era orixinal dos periodistas, senon que semella ter a súa orixe na Segunda Guerra Mundial, debido á dureza e perigosidade do traballo que facían os tripulantes destes barcos e as moitas baixas que sufrían polas minas que estoupaban. Despóis a frase aplicóuse tamén ós tripulantes de outros tipos de barcos de madeira, coma os de pesca.

En calquera caso, sexa ou non exacta, gustóume a anécdota. E aplíquese a quen se aplique, é unha bonita maneira de definir a estes mariños.

luns, 13 de febreiro de 2017

Bandeiras

En España, como xa sabedes, temos un problema coa bandeira nacional, coa que moita xente non se identifica. Este problema ten dúas causas ou variantes. En primeiro lugar está a xente de diferentes rexións que quere a independencia, non se sinte española e por tanto tampouco se sinte representada pola bandeira de España. A mín, que non comparto ese independentismo, isto me parece lóxico e coherente. Non teño nada que dicir ó respecto. Da bandeira, quero dicir, do independentismo sí pero agora non me apetece.

Logo está o outro motivo, a xente que renega da bandeira por que di que é a bandeira franquista ou a bandeira da monarquía. E isto, amigos meus, é un erro. A bandeira actual data de 1785 e foi escollida polo rei Carlos III, inicialmente só para os buques de guerra. O seu uso xeneralizóuse entre o pobo durante a guerra da independencia, foi recoñecida polas Cortes de Cádiz e adoptada oficialmente como bandeira nacional pola raíña Isabel II en 1843. Durante a Primeira República non se modificóu, seguramente porque entenderon que era un símbolo da nación, non do réxime político. Non se entendeu así durante a Segunda República que a identificóu, na miña opinión absurdamente, coa monarquía. Se introduxo así a cor morada, por certo por motivos equivocados.Agora ben, a bandeira non representaba á monarquía senon á nación. A cor tradicional dos borbóns é o branco, e a cor do estandarte do rei deposto era, paradóxicamente, o morado, como xa o fora o do seu pai e a súa avoa. O rei Juan Carlos I cambiouno polo azul, e o rei actual polo carmesí. Co trunfo do alzamento militar contra á república volveuse retomar a bandeira bicolor, pero iso de ningún xeito quere dicir que sexa a bandeira da ditadura ou a bandeira franquista. A bandeira é moi anterior, e non representaba á dictadura como non representaba nin representa á monarquía. É o símbolo da nación, como ocorre con toda bandeira de toda nación.

No fondo a mín tanto me ten que a bandeira teña dúas cores ou tres, ou que se cambie por unha verde ou de calquera outra cor. Os símbolos pódense cambiar e non pasa nada. Pero as cousas tamén hai que facelas con sentidiño e coido que o máis lóxico é manter a bandeira que, salvo o pequeno paréntese da segunda república, nos ven representando dende hai máis de dous séculos, e pola que nos identifica o mundo enteiro. No seu afán de romper co pasado, os republicáns de 1931 conseguiron que a metade dos españois non se identificara cun símbolo que tiña que representar a todos. Moitos dos republicáns de hoxe están a repetilo. A bandeira, insisto unha vez máis, é o símbolo da nación e non do réxime político de cada intre. E a bandeira de España é a bicolor porque así o establece a Constitución aprobada polas Cortes elexidas democráticamente e ratificada polos cidadáns. Noh hai máis.

Supoñamos, por outra banda, que a cambiamos. Supoñamos que se abole a monarquía e se proclama a terceira república, e voltamos á bandeira tricolor. ¿Qué acadaríamos con iso? Voltar ás andadas e que a metade dos españois non se identifique coa súa bandeira. Mellor será que nos poñamos de acordo dunha vez, e se para iso hai que cambiar a bandeira por unha de cadriños de todas as cores, porque os españois somos así, por mín vale. Se cadra o problema e ése, que os españois somos así. Non parece que sexamos quen a poñernos de acordo para elexir ni a cor das cortiñas, e un parviño coma mín a dicir que nos poñamos de acordo para elexir as cores da bandeira. E que as veces non penso.

luns, 6 de febreiro de 2017

Imaxes da barbarie

Hai xa uns cantos anos lin o libro "Ante el dolor de los demás", da escritora estadounidense Susan Sontag. O libro non me causóu gran impresión a primeira vez que o lín, pero por razóns que non veñen ó caso volvino ler uns anos despóis. Non é un libro dos que abraian ou dos que se aprendan grandes cousas, pero nel a autora fai algunhas reflexións que me parecen interesantes.

Trata das imaxes que reproducen o horror e a barbarie, o sufrimento dos outros. A autora céntrase especialmente na fotografía e particularmente na fotografía de guerra, pero non de xeito exclusivo, falando tamén do cine e da televisión e, por suposto, da pintura e outras artes.

A primeira reflexión da que falo é a comparación que fai a autora entre a fotografía e outras artes no que respecta á nosa consideración da súa autenticidade. Na pintura, por exemplo, non esperamos atopar unha reproducción exacta dun acontecemento con todos os detalles. Cando contemplamos o cadro de Goya "Los fusilamientos del tres de mayo", importa ben pouco se había ou non un home de camisa branca, ou cántos soldados había no pelotón. O teríamos por falso se descubríramos que non o pintóu Goya, pero que a escena represente ou non con exactitude o feito histórico non afecta ó noso concepto da súa autenticidade, que poñemos na autoría e non no contido.

Pero coa fotografía ocorre o contrario. Pensemos na famosa fotografía feita durante a guerra de Vietnam na que se ve a unha nena espida fuxindo dunha aldea ardendo. Non a teríamos por falsa se descobríramos que non a fixo Nic Ut, como moito pensariamos que houbo un erro na atribución ou que  lla roubóu a outro. Pero a fotografía en sí mesma seguiría a ser auténtica para nós, porque agora no noso concepto da autenticidade non está na autoría senon no contido, que esperamos que sexa fiel reflexo da realidade. A dicir verdade, eu nin sequera sabía quén fora o fotógrafo ata que empecéi a escribir isto e o busquéi. Outro exemplo é a tamén famosa foto de Robert Capa "Morte dun miliciano" da que sempre houbo dudas sobre a súa autenticidade, non porque non a fixera Capa, senon porque moitos sospeitan que foi escenificada e non feita nun combate real.

Outra reflexión da autora, se cadra máis interesante, refírese a nosa consideración da cualidade estética destas imaxes. A arte, por definición, ten una función ou cualidade estética aínda cando representa a dor e o sufrimento. A historia da arte está chea de reproduccións da barbarie de gran beleza plástica: esceas de batallas, execución, martirios... Cando representan feitos reais e non míticos aprecimos o que teñen de documento, como en "Los desastres de la guerra" de Goya, pero non por iso deixamos de apreciar tamén a cualidade estética da obra.

E outra vez ocorre algo moi distinto coa fotografía. Tamén a fotografía é unha arte e apreciamos a calidade plástica das fotos cando teñen una manifesta intención artística. Pero cando reflicten esceas de dor e barbarie non só non apreciamos a calidade estética senon que a rexeitamos. A barbarie non pode ser fermosa, e unha fotografía deste tipo parece menos auténtica se podemos apreciar algún valor estético nela. Parece menos real, escenificada, aínda que esa non fora a intención do fotógrafo. As sospeitas da autenticidade de "Morte dun miliciano" non carecen de fundamento, pero pode que ningúen o tivera investigado e nin sequera sospeitado se a foto no fora de innegable calidade artística. Non temos reparo en admitir que poda haber fermosura na interpretación que un artista fai da morte, pero na morte dun home real non.