martes, 6 de xuño de 2017

Seis trillóns de cabichas

Esta mañá lin unha nova curiosa no xornal "La Voz de Galicia". Dicía o artigo que no mundo se fuman cada ano seis trillóns de cigarrillos e catro trillóns e medio de cabichas acaban tiradas no chan, o que constitúe a primeira fonte de basura. A nova é un bó exemplo do noso pouco criterio cando se trata de cifras, e me temo que tamén do pouco rigor do periodista ó contrastar a nova.

Abonda pensalo un pouquiño pra velo. No mundo somos seis ou sete mil millóns de persoas, digamos seis para que os números sexan redondos. Se de verdade fumásemos seis trillóns de cigarrillos resultaría que cada habitante do planeta, ata os bebés, fumaríamos mil millóns de cigarrillos ó ano, ou sexa uns trinta por segundo. Non sei vos, pero a min en tres centésimas de segundo non me da tempo nin de sacar o pitillo do paquete.

Sospeito que se trata dun erro de traducción do inglés, é sabido que nos Estados Unidos e outros paises de fala inglesa chaman billón a mil millóns, e trillón o que nós chamamos billón. Serían pois seis billóns de cigarrillos e catro e medio de cabichas tiradas ó chan. Mil pitillos por persona e ano en promedio é moito máis crible. Pero polo que se ve o periodista non pensóu en facer tan sinxelo cálculo que lle advertiría do seu erro, e sospeito que a meirande parte dos lectores tampouco. 

É unha mostra anecdótica pero evidente de falla de cultura matemática. Hai xente que semella pensar que todas as estadísticas están manipuladas (algunhas sí que o están) e outros acetan se máis calquera dato que lles dea en forma de número. As matemáticas non minten, teño escoitado dicir a xente que non entende as matemáticas nin por asomo. Poucos se molestan en analizar un pouquiño o dato, nin sequera cando abonda, como neste caso, cunha sinxela operación aritmética. Tampouco é que sexa culpa súa, ou non de todo, e que ninguén lles ensinóu a facelo. O problema está no sistema educativo, pero iso é tema para outra entrada.

Por certo, catro billóns e medio de cabichas tiradas ó chan cada ano segue sendo unha morea de cabichas, que demostran que ademáis de ter pouca cultura matemática somos uns porcos. Pero tamén é tema para outro día.

Ningún comentario:

Publicar un comentario