domingo, 8 de decembro de 2019

A organización territorial de España

Resultado de imagen de proxecto de constitución para o futuro estado galegoAndamos outra vez a voltas coa discusión da organización territorial de España, qué é unha nación e qué non o é, quén ten dereito a decidir sobre a independencia e quén non o ten, se hai que dialogar ou aplicar a forza. Eu non vou entrar polo de agora no debate de qué é unha nación nin cal debera ser a estrutura territorial de España. Por suposto teño as miñas ideas ó respecto, pero o problema é complexo e habería moito que dicir e debater. Xa haberá tempo, hoxe só quero saír ó paso dalgunhas ideas que  dende o meu punto de vista son claramente falsas e, lonxe de de contribuir a solucionar o problema, non fan máis que agravalo.

A primeira de estas ideas, moi estendida, é que os nacionalismos son un problema recente xurdido na cabeza dos Puigdemont, Mas, Torra ou Junqueras, que teñen ós cataláns "adoutrinados". Xa Orgega y Gasset sinalaba hai case un século o errados que estaban os que así pensaban. Só cambian os nomes. Sustitúase "Cambó" e "Sota" por "Junqueras" e "Puigdemont" e todo o escrito polo filósofo parecería escrito hoxe mesmo. Para él os nacionalismos vasco e catalán (ó galego só se refire de pasada) tiñan fonda raigame histórica, cultural e sociolóxica. Remito ó lector interesado ó seu libro "España invertebrada". Baste por agora ver que o problema non ven de dous días atrás. É antigo e importante dabondo para que un dos nosos máis ilustres pensadores se ocupara del.

Pero é que ademáis o problema non se limita ós nacionalismos vasco, catalán e galego.  Pensar así é descoñecer por completo a historia recente de España. Desbotando interpretacións interesadas da historia que se remontan á antigüidade, o problema dos nacionalismos xurde co nacemento dos chamados Estados-nación. A lo menos para min é evidente o absurdo de falar de nacionalismos antes de esistir o concepto moderno de nación, que nace a finais do século XVIII e principios do XIX coa revolución francesa e a independencia das Américas. Na España peninsular comeza a plantexarse máis ou menos abertamente á morte de Fernando VII. Un respaso á historia dos nacionalismos resulta moi interesante, pero aquí so vou recoller dous intres históricos que abondan para desbaratar a idea de que é un problema "inventado" e recente: as dúas repúblicas.

A Primeira República proclamóuse, como todos sabemos e nos ensinaron na escola, despóis da revolución de 1868 e o fracaso da monarquía de Amadeo I, no 1873. O que seica non nos ensinaron, ou non se lle deu a importancia debida, é que esta república era federal. A primeira lei aprobada polas Cortes constaba de un só artígo que dicía "España se constituye en una república federal". De segido pasaron a elaborar un proxecto de Constitución que volvía a proclamar a república federal e enumeraba os estados que a ían integrar. Non só Galicia, Cataluña e o Pais Vasco, tamén, por exemplo, as dúas Castelas, Alta e Baixa Andalucía, Cuba, Puerto Rico, Aragón, e outras que non lembro. O importante é salientar que non foi a ocurrencia de catro exaltados da "periferia", foi elaborada polas Cortes españolas, nas que había representantes de todas as provincias. Sinal inequívoco de que o federalismo estaba estendido entre os liberáis de toda a España do tempo, que recoñecían un problema territorial. Se España non chegóu a ser federal é porque o impediron manu militari os xenerais Pavía e Martínez Campos restaurando a monarquía centralista. Pero non significóu nin que se resolvera o problema nin que morrera o federalismo, como demostra que se elaboraran nos anos seguintes varios proxectos de constitución rexionais, incluíndo algúns que hoxe estamos lonxe de sospeitar como a Constitución Republicana Federal del Estado Riojano.

O outro fito histórico é a Segunda República, na que naceu o actual concepto das comunidades autónomas. De novo se recoñecía a esistencia do problema territorial pero, seica escarmentados pola experiencia da outra república, diseñouse este novo modelo que non era nin centralista nin federal aínda que o federalismo seguía moi vivo cando menos, ata onde eu sei, en Galicia e Cataluña. Que este novo modelo non daba satisfación a todos os pobos que integran España quedóu patente en 1934 cando Companys e o seu goberno proclamaron unilaterlamente (tampouco isto é novo) a República Catalana. Como todos sabemos, a Segunda República rematou coa guerra civil e o establecemento dunha dictadura fortemente centralizadora e represora de calquera veleidade rexionalista.

Pero o problema, por suposto, non quedou resolto e volveu a manifestarse tan cedo como volveu a democracia. De feito antes, pero é outra historia. A Constitución de 1978 retomou o modelo autonomista, aprobado maioritariamente polos españois. Pero compre notar que tampouco se lles deu opción de escoller nin a forma do Estado nin o modelo territorial. O referéndum constitucional tivo moito de escolla entre o réxime anterior e a democracia. Posiblemente foi unha decisión prudente, e foinos ben durante case corenta anos. Pero o problema aínda non estaba verdadeiramente resolto, como demostra que outra vez esteamos a voltas con él.

Así que, ó meu xeito de ver, erran de medio a medio os que pensan que o problema actual é recente e creado por uns poucos aproveitando a crise. As crises sempre fomentan os nacionalismos e hai moitos reproches que lles facer os líderes independentistas, pero o problema é real e ven de lonxe. E non imos por bó camiño para solucinalo se comezamos por negalo. Nin tampouco se pechamos oídos ás razóns do outro e nos refuxiamos cada un na trincheira do seu propio nacionalismo, sexa catalán ou español. Ou mellor dito castelán porque para mín é outro erro evidente opoñer nacionalismo catalán e español. Un nacionalismo español, que non é malo, ten que abranguer a toda España e pasa por crear un país no que todo-los españois esteamos cómodos, sen que a ningún se teña que impoñer a españolidade á forza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario