domingo, 12 de xaneiro de 2020

Breve historia do nacionalismo galego

Bandera de Galicia Bandera InstitucionalHai unha certa idea moi estendida dentro e fóra de Galicia de que o nacionalismo galego é unha copia do catalán e vai ó remolque daquel, pero a realidade histórica é que ambos se desenrolaron máis ou menos parellos e influíndose mutuamente. A miúdo foi o nacionalismo catalán o que se inspiróu no galego e así, por exemplo, Prat de la Riba, autor de "La nacionalitat catalana", dixo que o seu pensamento fora moi influido por unhas conferencias que uns anos antes dera en Barcelona o galeguista Alfredo Brañas. O que segue e unha breve reseña histórica da evolución do nacionalismo galego.

Agás por algúns escritos de intelectuais ilustrados adiantados ó seu tempo como Sarmiento, o galeguismo coma corrente cultural e política xurde na década de 1840 da má da chamada xeración de 1846, na que salienta Antolín Faraldo. Esta xeración levou a cabo un traballo de investigación e sistematización das características diferenciais de Galicia e os seus problemas específicos que se plasmou nun ideario político, o provincialismo, de carácter rexeneracionista e autonomista. Este ideario chega ó seu cumio co pronunciamento de Solís en Lugo, no 1846. Incialmente foi, como tantos outros, liberal e contra o goberno de Narváez pero ó fracasar fóra de Galicia tomou o control de feito o galeguismo. Constitúese unha Junta Superior del Gobierno de Galicia da que son nomeados presidente e secretario os provincialistas Terrazo e Faraldo. A éste se lle encarga a redacción dunha proclama na que introduce o ideario provincialista coma un dos obxectivos do alzamento. A derrota de Cacheiras, os fusilamentos de Carral e a morte de Faraldo puxeron fin ó traballo desta primeira xeración de galeguistas.

Tomóu ó relevo nas décadas de 1850 e 1860 unha nova xeración de intelectuais na que destacan, entre outros, Manuel Murguía, Benito Vicetto, Eduardo Pondal ou Rosalía de Castro, que desenrolan un inxente traballo de fundamentación da especificidade histórica, cultural e económica de Galicia que se plasma nun novo ideario, o federalismo. A influencia de esta nova xeración no seu tempo quedou patente no banquete de Conxo. Aínda que se anuncióu coma unha simple xuntanza de confraternidade, o Goberno considerouno perigoso dabondo como para que o exército vixiase a carballeira prevendo un novo alzamento. E a pesares de que foi o que se anunciara, os convocantes foron detidos e xuzgados, chegando a pedirse para eles o desterro ás illas Malvinas.

Mais o federalismo non era exclusivo de Galicia, senon que se estendeu nesas décadas entre os liberais de toda España, sendo o seu principal teórico Pi y Margall. Despois da revolución de 1868 e o fracaso da monarquía de Amadeo I, proclamouse a república e a primeira lei que aproban as Cortes declara "España se constituye en una república federal". Elaborouse un proxecto de constitución que novamente proclama a república federal e enumera os estados que a ían formar, entre os que por suposto estaba Galicia. Os pronunciamentos militares de Pavía primeiro e Martínez Campos despois impiden que entre en vigor e restauran a monarquía centralista, a pesares do cal se redactan proxectos de constitución en varias rexións, entre eles o Proxecto de Constitución para o futuro Estado Galego redactado en 1883 e aprobado pola asamblea de Lugo en 1887.

Nas derradeiros anos do século XIX conviven no galeguismo dúas correntes: unha progresista liderada por Murguía e outra tradicionalista liderada por Alfredo Brañas. Este publicou en 1889 o seu libro "El regionalismo", no que reclama para Galicia un réxime de autogoberno e propón medidas políticas e administrativas concretas e sistemáticas. No 1891 fúndase a Asociación Regionalista Gallega, e no 1897 a Liga Gallega. Ambas de vida moi breve, pero foron o xerme do nacionalismo político propiamente dito que xurde a comezos do século XX. En 1892 a Gaceta de Santiago publica as cores da bandeira galega, que xa se viña usando extraoficialmente dende antes. En 1907 créase Solidaridad Gallega, agora xa con fins electorais, acadando certo éxito nas eleccións municipais de 1909. Foi tamén nestes anos cando Pascual Veiga compuxo a música do Himno, tomándose para a letra o poema "Os Pinos" de Pondal.

En 1916 créase unha das institucións máis importantes do nacionalismo galego, as Irmandades da Fala, que se definen ideolóxicamente na asamblea de 1918. No manifesto desta asamblea os asinantes decláranse "de hoxe para sempre nazonalistas galegos".  Reivindícase unha autonomía integral para Galicia como paso previo á constitución dunha federación ibérica, da que debía fomar parte tamén Portugal. No debate interno sobre se as Irmandades debían ter actividade política ou só cultural, impúxose a corrente culturalista encabezada por Vicente Risco.

Foi nos anos da ditadura de Primo de Rivera cando se empezan a fundar verdadeiros partidos políticos galeguistas, entre os que destaca a Organización Republicana Gallega Autónoma. A ORGA reclama dende a súa fundación unha autonomía total para Galicia, a constitución dunha república fedreral e representación para Galicia na recentemente creada Sociedade de Nacións. Foi a forza máis votada en Galicia nas primeiras eleccións da Segunda República acadando quince deputados.

Proclamada a Segunda República e antes de promulgarse a nova Constitución, redactouse un ateproxecto de estatuto de autonomía que atribuía a Galicia un amplísimo réxime de competencias como, por exemplo, a competencia exclusiva en materia fiscal e administración de xustiza. Xa aprobada a Constitución elaborouse, coa participación de todo-los concellos, un novo Estatuto axustado ó novo marco xurídico que foi aprobado en referéndum. Unha vez máis o golpe de estado militar e a guerra impediron que chegara a entrar en vigor.

Nas primeiras décadas da nova ditadura o galeguismo mantén a súa actividade no exilio, especialmente en Buenos Aires, onde Castelao publica "Sempre en Galiza", ata hoxe a principal obra de referencia do nacionalismo galego. No interior o galeguismo queda de novo relegado a unha actividade cultural, lóxicamente moi restrinxida nun Estado fortemente represor de calquera aspiración nacionalista. Esta actividade xira de xeito particular en torno á editorial Galaxia, creada en 1950. A actividade política non se retoma ata a fundación na clandestinidade do Partido Socialista Gallego e Unión do Pobo Galego, respectivamente en 1963 e 1964. As dúas formacións unifícanse despois da morte do ditador no Bloque Nacionalista Galego.

A entrada en vigor da nova Constitución e do Estatuto de Autonomía de Galicia dan por fin satisfacción, se non ó nacionalismo en sentido estricto, sí polo menos á meirande parte do pobo galego. E o resto xa non é historia, é futuro.

FONTES:

- Historia de Galicia. Bermejo, Pallarés, Pérez, Portela, Vázquez e Villares
- Historia contemporánea de Galicia. Xosé Ramón Barreiro Rivas
- Historia de Galicia. Anselmo López Carreira
- Sempre en Galiza. Alfonso Rodríguez Castelao
- El regionalismo. Alfredo Brañas
- Outra idea de Galicia. Miguel Anxo Murado


Ningún comentario:

Publicar un comentario