venres, 10 de marzo de 2017

Nin sequera eran feministas

Hai poucos días lin no xornal dixital eldiario.es un artigo da columnista que publica baixo o seudónimo Barbijaputa titulado La lente rota del El Objetivo. Recoméndovos que o leades antes de seguir co meu, porque vou sacar algunhas frases do seu contexto. O motivo dese artigo era unha emisión do programa de televisión El Objetivo no que se falóu de feminismo, e que a autora do artigo critica con bastante dureza porque, cito, "la mitad de las invitadas a debatir no eran siquiera feministas". Alega a autora na súa crítica que ela espera que "quienes asisten a un programa sobre un tema sean expertas en dicho tema". Di tamén que ela entende que o programa "pretendía ser pedagógico" e que "pierde la esperanza de ver un programa sobre feminismo con el que aprender e inspirarse".

Vou pasar por alto o que é pegagoxía e se o programa en cuestión era ou pretendía ser pedagóxico. Eu non o vín, así que non o sei, pero polo propio artigo entendo que era un debate; de feito, a mesma autora fala de "las invitadas a debatir". E digo eu que para que haxa debate ten que haber diferentes opinións, do contrario será una serie de discursos, ou de entrevistas, unha clase maxistral, calquera cousa menos un debate. E dado que se di que a metade das invitadas non eras feministas, debo supoñer que a outra metade sí o eran. Xusto o que se espera nun debate. Pero non é por isto polo que eu mesmo estou a escribir, é por outra cousa.

Xa hai tempo que veño oíndo e lendo que os homes non podemos falar de feminismo porque non sabemos o que é ser discriminados polo noso sexo, así que só podemos escoitar, calar e aprender. Idesme perdoar, ou non, amigas feministas, pero iso paréceme unha parvada. E tanto como dicir que só os estranxeiros poden falar de xenofobia, so as minorías étnicas de racismo, só os vellos da vellez, só os deportistas de deporte. E como dicir, por exemplo, que non podo criticar as políticas do Estado de Israel porque non son xudeu. Unha parvada. Que non sexa muller non significa que non sexa conscente da discriminación ou que non poda entendelo, é cuestión de ter un pouquiño de cerebro, un pouquiño de cultura e un pouquiño de empatía. Por suposto que o meu punto de vista estará sesgado por ser home, igual que o punto de vista dunha muller está sesgado por ser muller. Todos os puntos de vista están sesgados, por iso se chaman así.

Todo isto, digo, xa o teño escoitado e lido moitas veces e se non fose máis tampouco desta me tería sentado a escribir. Pero é que desta vez a señora Barbijaputa vai un paso máis alá. Xa non é que non podamos falar os homes, é que tampouco poden falar as mulleres que non son feministas. Escribe desta ou daquela muller que di que é feminista pero non o é, por tanto tamén ela debe calar, escoitar e aprender. Seica tampouco ela sabe o que é ser muller. Pero vai aínda máis lonxe: cando dí que deben calar o dí en serio, non tiñan que ser invitadas ó programa, hainas que silenciar, privalas do acceso ós medios de comunicación, non sexa que fagan que alguén dubide da verdade verdadeira. Nas súas palabras: "no se puede dar cabida a personas que lo ataquen".

Para apoiar esta opinión alega, e volvo citar, que "el feminismo no es una opinión que puede ser correcta o incorrecta, no es opinable, es un hecho: una lucha por el empoderamiento de las mujeres".  E ata ahí estóu de acordo, o feminismo, ou máis ben a igualdade, non é unha opinión, é unha meta. Pero os medios para acadala sí que son opinables. Do mesmo xeito que a xustiza social tampouco é opinable, pero cando non se poden cuestionar nin debater os medios, o resultado adoita ser a ditadura estalinista, ou maoísta, ou calquera outro -ista que queirades poñer. A serñora Barbijaputa semella non distinguir entre atacar o feminismo e cuestionar as propostas dun sector do feminismo, o seu sector. Toda persoa que non estea de acordo coas súas propostas, co seu punto de vista, sexa home ou muller, é que non é feminista e haina se facer calar.

Ten razón a autora do artigo cando dí que o progreso da muller se debe ó feminismo. Tamén houbo que loitar pola liberdade de expresión que ó parecer valora tan pouco. De onde non vai vir nunca o progreso, nin das mulleres nin de ninguén, é da intransixencia, do pensamento único nin da censura. O progreso veu e virá sempre, ou iso penso eu, do pensamento libre, do diálogo e da razón. 

Así que, señora Barbijaputa, dubido moito que vaia vostede a ler esta miña humilde bitácora, pero si por algúnha rara casualidade fora así, teño unha mensaxe para vostede. Eu son un home libre e falo do que me peta, con razón ou sen ela. Eu penso que teño a razón, e se vostede pensa que estóu errado pode facer dúas cousas: convencerme ou calar vostede.

Ningún comentario:

Publicar un comentario